Fotos HEIC do iPhone: que metadatos levan e como limpalas sen perder o HDR
Se tes un iPhone, as túas fotos case seguro que son HEIC: é o formato que usa por defecto a cámara. Levan os mesmos datos ca un JPEG —onde, cando e con que teléfono— e algún máis propio de Apple. E teñen unha trampa ao limpalas: o brillo das fotos HDR tamén depende dos seus metadatos.
Por que as túas fotos son HEIC
O iPhone garda as fotos en HEIC porque ocupa menos ca un JPEG coa mesma calidade. Cámbiase nos axustes da cámara, no apartado de formatos: a opción de alta eficiencia é HEIC e a máis compatible é JPEG.
Ao pasar as fotos a un ordenador, o iPhone pode convertelas a JPEG pola súa conta: depende da opción de transferencia a Mac ou PC dos axustes de Fotos, que no modo automático as converte e se mantés os orixinais, non. Por iso ás veces tes a mesma foto nos dous formatos sen sabelo.
Que levan dentro
- Onde estabas: as coordenadas GPS, a altitude e cara a onde apuntaba o teléfono.
- Quen es: o modelo exacto do iPhone, o obxectivo, a versión de iOS e, na nota de fabricante de Apple, identificadores que enlazan a foto coa túa fototeca.
- Cando foi: a data e a hora, co fuso horario.
- Técnico: a exposición, o perfil de cor e, nas fotos HDR, o mapa de ganancia que lles dá o brillo extra nunha pantalla compatible.
A trampa do HDR
As fotos HDR do iPhone gardan unha imaxe normal e, á parte, un mapa de ganancia que di canto máis brillante debe verse cada zona. Para aplicalo, Apple precisa dous datos que están nos metadatos: un no XMP e dous valores na súa nota de fabricante dentro do EXIF.
Unha ferramenta que o borra todo sen distinguir deixa a foto sen o seu HDR: vese, pero apagada, coma unha foto normal. É un fallo que tivo o propio KillEXIF ata que o medimos con fotos reais.
Como as limpa KillEXIF
KillEXIF limpa o HEIC sen convertelo: entra un HEIC e sae un HEIC, coa imaxe idéntica, byte a byte. Quita a localización, o modelo, as datas e os identificadores da fototeca, e do de Apple conserva só eses dous datos do HDR, co motivo á vista: «Fai que a foto se vexa en HDR». Comprobámolo con fotos HDR reais: o brillo máximo da foto limpa é o mesmo ca o da orixinal, e nela non queda nin o GPS nin o identificador.
Na web é de balde e sen límite. Nas aplicacións para Mac e Windows, o HEIC é da versión de pago; o que si é de balde alí é ver o que leva calquera foto.
Se só queres quitar a localización
O propio iPhone permite compartir unha foto sen a localización: ao compartir, abrir as opcións e desactivar a localización. Vale para ese envío e só quita a localización: o modelo, as datas e o resto seguen dentro. Se queres quitar todo o demais, ou limpar moitas fotos dunha vez, faino antes de compartilas.